| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

O articulista, o cronista

A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez como articulista é prolífica. La Noche, El Correo Gallego, o Diario de Pontevedra e, especialmente, o Faro de Vigo son os depositarios principais das achegas históricas, arqueolóxicas, literarias e culturais que fornecen os seus artigos. Asemade, estes temas adoitan figurar entre os que aborda nos diversos programas radiofónicos nos que colabora ("Ventana al mar", "Buenas tardes, Galicia" ou "Mar de historias"). Son tamén aplaudidas as conferencias que dita en diferentes cidades galegas e mesmo en Latinoamérica, onde viaxa en 1969 convidado polo Centro Galego de Bos Aires.

Aínda que tamén dedica artigos ao seu Tui natal e a outros concellos limítrofes, as súas investigacións históricas xiran fundamentalmente en torno a Vigo, a cidade que o acolleu a el e a súa familia tras fuxiren do ambiente fascista que os continuaba abafando na vila tudense.

Ao longo de 1959, o Faro de Vigo incluía nas súas páxinas unha sección titulada "Calendario histórico", que, día tras día, Álvarez Blázquez enchía coas efemérides correspondentes e, deste xeito, ía tecendo unha historia rigorosa da cidade olívica cos seus acaecementos e protagonistas. Guerras, industrias, pestes, arte, xornais, obras literarias, burgueses, obreiros ou piratas desfilan polos seus artigos conformando unha magnífica pintura de Vigo. En 1960, este numeroso e variado conxunto de textos é reunido nun volume titulado La ciudad y los días. Calendario histórico e publicado por Edicións Monterrey coa pulcritude que caracteriza esta editorial. Hoxe, grazas á tradución de Manuel Bragado e Pablo Sánchez Mato, pódese ler esta obra en galego.

Durante o ano 1968, Álvarez Blázquez leva a cabo unha experiencia articulista semellante nas páxinas d’El Correo Gallego. Baixo o título de "Calendario Histórico de Galicia", o escritor publica unha ampla serie de artigos que recollen os feitos sobranceiros pasados de cada xornada. Encomiábel traballo froito das súas sisudas investigacións.

Algúns dos seus artigos foron gabados e premiados en diferentes certames. Porén, un dos títulos que Álvarez Blázquez recibe con maior satisfacción é o de Cronista Oficial da Cidade de Vigo, nomeamento outorgado en 1976. Sen dúbida, as súas atinadas esculcas e a xenerosa difusión da historia da cidade olívica fano merecente deste posto honorífico. En 1980 Álvarez Blázquez coordina xunto con Álvaro Cunqueiro o libro Vigo en su historia, obra promovida e financiada pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Ademais da coordinación do volume, Blázquez encárgase de catro extensos e interesantes capítulos: "Cuadros de Vigo en la Edad Media", "Vigo en el siglo XIX. De la antigua villa a la ciudad moderna", "La prensa periódica viguesa en el siglo XIX" e "Nómina de escritores vigueses".

Mediante a conxugación dun entusiasta esforzo investigador e dun transparente estilo apaixonado, Álvarez Blázquez escribe crónicas e artigos que esclarecen datos e aportan notábel información sobre o pasado histórico e cultural de Galiza.

A magna obra histórica editouse en Monterrey en 1960.

As Travesas nos anos 60, co domicilio Álvarez no centro.




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal