Un amplo legado poético e unha, lamentabelmente, breve obra narrativa outorgan a Xosé María Álvarez Blázquez un espazo importante na historia da literatura galega. Con todo, a contribución de Xosé María Álvarez Blázquez á literatura castelá abrangue os tres xéneros canónicos.
En 1932, con só dezasete anos, publica o seu primeiro poemario, Abril. Desta época son tamén os poemas editados en Cristal. A dolorosa vivencia da guerra civil e o seu desterro en Castela impregnan os textos de Sonetos del alba insomne (1995), obra escrita a finais da década dos cincuenta e comezos da década dos sesenta e publicada postumamente.
En colaboración co seu irmán Emilio Álvarez Blázquez escribe dúas pezas teatrais, El zapato de cristal e Los pazos altivos, levadas á escena en 1947 con notábel éxito de público. A primeira estréase no Teatro García Barbón de Vigo, a segunda no Teatro Jovellanos de Xixón e logo viaxa por outras cidades españolas.
Con todo, é no eido narrativo onde destaca o seu talento creador. Nas décadas dos corenta e cincuenta publica varias novelas polas que recibe diversos galardóns e un considerábel éxito editorial: El crimen de la isla verde (1941), En el pueblo hay caras nuevas (1945) —obra finalista do primeiro Premio Nadal, que leva Carmen Laforet pola novela Nada—, Una cabaña en el cielo (1952), Las estatuas no hablan (1955) e Crecen las aguas (1956). As traducións de Alfonso Álvarez Cáccamo permítennos gozar en galego dos títulos Na vila hai caras novas e Enchen as augas, publicadas en 1993 e 1995, respectivamente.