| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

Castrelos

A medida que ía esmorecendo o selo de Edicións Monterrey, emerxe a editorial Castrelos, nada en 1963. Xosé María Álvarez Blázquez non só desempeña a figura de empresario, senón que, sobre todo, acomete o labor de editor erudito preocupado pola pescuda e a divulgación da cultura e da literatura galegas. En Edicións Castrelos, ademais da colaboración dos seus irmáns, Álvarez Blázquez conta coa axuda de Darío Xohán Cabana.

O escritor chairego chega á editorial en 1971 e nela permanece durante catro anos de intenso traballo ocupándose dos propios labores editoriais e tamén en tarefas de dirección literaria. O autor de Galván en Saor resalta o extraordinario labor de distribución da editorial Castrelos, que posuía puntos de venda non só en librarías e papelarías, senón tamén en calquera tipo de tenda. Apunta ademais a circulación por toda Galiza dunha furgoneta dedicada á venda de libros galegos cunha representación notábel das obras das coleccións populares de Edicións Castrelos. O propio Darío Xohán Cabana despacha, segundo el mesmo sinala, milleiros de libros en feiras, festas e prazas dalgunhas vilas. A escolla atinada de libros, a pescuda erudita, o deseño coidado, o prezo baixo e tamén o traballo hercúleo de distribución son algúns dos firmes piares sobre os que se asenta Edicións Castrelos e que, ao mesmo tempo, explican o seu éxito.

A primeira andaina da editorial confórmaa unha colección titulada "Cuadernos de Arte Gallego", que divulga o patrimonio artístico e etnográfico galego. Entre as máis de dez obras que publica, pódense destacar Los castillos (1963) de Xesús Taboada Chivite, Los pazos (1963) de Gerardo Álvarez Gallego ou Catedral de Santiago (1965) de José María Castroviejo, entre outros.

Un dos títulos máis coñecidos de Castrelos




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal