O Moucho
A segunda xeira comeza a partir de 1967 coa estrea e o éxito inmediato das coleccións "O Moucho" e "Pombal". "O Moucho" —"Libros do pobo e pra o pobo"— inaugúrase coa publicación do Catecismo do Labrego (1967) de Valentín Lamas Carvajal, obra da que se fixeron máis dunha ducia de edicións. Barriga verde (1968) de Manuel María, O tío Miseria e outros contos (1968) de Enrique Labarta Pose, Retorno a Tagen Ata (1971) de Xosé Luís Méndez Ferrín, Contos con reviravolta (1973) de Isaac Alonso Estravís, O Maroutallo (1974) de Ramón Otero Pedrayo, Os inmortais (1975) de Xoán Ignacio Taibo ou A taberna do galo (1978) de Celso Emilio Ferreiro son algúns dos títulos senlleiros da colección.
O propio Xosé María Álvarez deixa a súa pegada creativa na colección con A pega rabilonga e outras historias (1971); porén, o maior tributo de Álvarez Blázquez está na súa continua tarefa de compilación e análise de diferentes textos. Resultado do seu inxente traballo, non sempre constatado nos títulos de crédito, son Refraneiro do viño (1968), Cantigas do viño (1968), O libro do marisco (1968), Sal e pementa. Escolma de epigramas (1968), O libro da caza (1969), Cantares de cego (1972), O libro do porco (1972) e Os nomes da terra (1976).
Asemade, é o editor de Hestorias e lendas (1972), Cousas da morte (1973) e Cousas, terceiro libro (1975) de Castelao, e tamén de Xan Labrego. Antoloxía (1974) e Os tesouros de Galicia. O Ciprianillo (1974). Non menos importante é a tradución ao galego que elabora de dous dos Sueños de Francisco de Quevedo: O soño das caliveras, seguido de O algoacil alguacilado (1968). É igualmente relevante a contribución erudita á editorial de Darío Xohán Cabana, responsábel da edición d’O libro do amor (1974). Ademais, publica na colección "O Moucho" Noticias dunha aldea (1973).
Pombal
Follas Novas (1968) de Rosalía de Castro, Queixumes dos Pinos e outros poemas (1970) de Eduardo Pondal e Aires da miña terra e outros poemas (1971) de Manuel Curros Enríquez conforman os libros máis difundidos da colección "Pombal". Do poeta cívico Celso Emilio Ferreiro publícase na colección A fronteira infinda (1972) e reedítanse Longa noite de pedra (1975) e Cimenterio privado (1978). Outros libros insignes de "Pombal" son Obras en prosa e verso (1970) de Luís Amado Carballo, Contos da néboa (1973) de Ánxel Fole, Remuíño de sombras (1973) de Xosé Neira Vilas, Dos anxos e dos mortos (1977) de Anxo A. Rei Ballesteros ou O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte (1979) de Antón Alonso Ríos, obra que pecha a colección.
Entres os numerosos títulos de "Pombal" chama a atención a antoloxía Falemos galego (1973), unha compilación de cincuenta textos en prosa e verso de diferentes autores que posúen unha arela común: a reflexión sobre a lingua galega e a potenciación do seu uso público. Desde Xoán Manuel Pintos, Lamas Carvajal ou Curros Enríquez até Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Xesús Alonso Montero, Manuel María, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, pasando por Lugrís Freire, Castelao, Noriega Varela, Cabanillas ou Dieste, todos erguen a súa voz a prol do emprego do galego.
Esta escolma militante pon de manifesto tamén a preocupación de Álvarez Blázquez pola necesidade de remexer a conciencia do pobo e promover a utilización da lingua de seu. Neste senso, non se debe esquecer que desde a propia editorial Castrelos se distribúen autocolantes con lemas de xorne reivindicativo que proclaman a liberdade do idioma: "Falemos galego", "Galego na escola" ou "Xa falamos".
Os clásicos gregos tamén teñen cabida nos fondos de Pombal: Felipe Martínez Marzoa ofrece a tradución da Antígona (1976) de Sófocles, e Evaristo da Sela, a da Ilíada (1977) de Homero.
O labor de editor rigoroso de Xosé María Álvarez Blázquez é visíbel tamén en "Pombal": el abre a colección coa compilación Cantos de Nadal, Aninovo e Reis (1967) e posteriormente, en 1975, lega a Escolma da poesía medieval (1198-1354), versión revisada e ampliada da súa Escolma de Poesía Galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346), publicada por Galaxia en 1952.
Pico Sagro e Mogor
"Pico Sagro" e "Mogor" completan o abano de coleccións que conforman o núcleo esencial da editorial Castrelos. Na primeira unicamente se publican dous títulos da autoría dos traballadores infatigábeis da editorial: Romanceiro da Terra Chá (1973) de Darío Xohán Cabana e Canle segredo (1976) de Álvarez Blázquez.
A colección "Mogor", dirixida por Manuel Vilanova, Manuel Janeiro e Xosé María Álvarez Cáccamo, edita cinco obras: Laberinto el clavicordio (1977) de Xosé María Álvarez Cáccamo, Primera edad (1977) de Manuel Janeiro, e Lideiras antre a paisaxe (1979) de Vítor Vaqueiro, xunto ás obras de Vicente Araguas Paisaxe de Glasgow (1978) e Ás veces en domingo abonda coa tenrura (1980).