1915 O día 4 de febreiro nace Xosé María Álvarez Blázquez no número 11 da Rúa Elduayen de Tui (hoxe Paseo da Corredoira). É o terceiro dos seis fillos varóns que tiveron o médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, nada en Matanzas (Cuba) e filla de cubana e levantino.
1931-1932 Trasládase a Pontevedra para estudar Maxisterio. Logo de publicar varios poemas en xornais de Pontevedra e Tui edítase Abril, o seu primeiro libro de poesía, en castelán. Con Xoán Vidal funda a revista Cristal.
1934 Pronuncia en Pontevedra, a instancias de Alexandre Bóveda, o discurso "Berro en lembranza dos herois de Carral". Publícano as Mocedades Galeguistas, nas que milita.
1935-1936 Comeza a exercer a docencia na Guarda. Ingresa no Partido Galeguista e escribe o libro de relatos Os ruíns. Comeza Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, pero a guerra ponlle fin. En Tui, a resistencia republicana remata por sucumbir e o seu pai é un dos seus dirixentes: o doutor Darío Álvarez Limeses é fusilado o 30 de outubro. Xosé María é desterrado a Coreses (Zamora).
1941-1944 De novo en Vigo, Xosé María crea cos seus irmáns unha fábrica de ladrillos en Nigrán que un accidente obrigará a pechar en 1945. Nos anos corenta compaxinará diversos traballos coa literatura, a investigación e a arqueoloxía, chegando a dirixir numerosas escavacións en Vigo.
1945 A súa novela En el pueblo hay caras nuevas queda finalista do primeiro Premio Nadal.
1946 Casa con María Luísa Cáccamo Frieben, con quen terá a María Luísa -coñecida como Colorín-, Xosé María, Alfonso, Helena, Celso e Berta.
1948-1950 Abre con Luís Viñas Cortegoso a libraría anticuaria Monterrey. Publícase na colección Benito Soto Poemas de ti e de min, dúas obras independentes que asinan Xosé María, unha, e o seu irmán Emilio, a outra. É nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo.
1950-1959 Funda a Editorial Monterrey, decisiva contribución ao clima de recuperación cultural que se vive en Galicia. Nesta editorial saen publicadas Roseira do teu mencer, dedicada a Colorín, Cancioeiro de Monfero e Romance do escritor peleriño. Tamén escribe a súa mellor obra lírica, Canle segredo, pola que recibe o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires e que non será publicada en Galicia até 1976. Tamén publica tres novelas en castelán e as súas escolmas de poesía galega medieval e dos séculos escuros.
1960 Publica La ciudad y los días, enorme corpus histórico sobre a cidade de Vigo.
1964 Ingresa na Real Academia Galega co discurso "Cantares e romances vellos prosificados". Cos seus irmáns funda Edicións Castrelos, cuxa primeira colección é "Cuadernos de Arte Gallego".
1967 Tras vivir arredor dun ano en Oviedo, a familia retorna a Vigo ao coñecer a grave doenza de Colorín. Alí, Xosé María profesionalízase como editor: nacen as coleccións "O Moucho" e "Pombal".
1968-1969 Regresa á docencia na Escola Náutico-Pesqueira de Vigo. Vai a Arxentina, convidado polo Centro Galego de Bos Aires, e a Venezuela, onde visita o seu sobriño Darío e o seu gran amigo Celso Emilio Ferreiro.
1970 Morre Colorín.
1971 Volve publicar prosa en galego: A pega rabilonga e outras historias de tesouros.
1976 É nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo. Publícase Canle segredo na colección "Pico Sagro" das Edicións Castrelos.
1977 A súa muller María Luísa contrae unha grave meninxite. Sobrevive, mais queda totalmente xorda.
1979 Morren o seu irmán Darío e Celso Emilio Ferreiro. Xosé María véndelle a Galaxia todos os fondos de Castrelos, en ausencia de alguén a quen confiarlle a editorial.
1981 Noméano xefe do Departamento de Historia do Museo Quiñones de León, máis coñecido por Museo de Castrelos, e recibe o Pedrón de Ouro.
1982 Escribe o poema "Solpor".
1983 Retírase da docencia. Pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista ao Concello de Vigo. Unha doenza cardíaca impídelle continuar coa súa actividade incansábel.
1985 Logo de dous anos de enfermidade, Xosé María Álvarez Blázquez morre o 2 de marzo en Vigo.
1987 Publícase a súa Poesía galega completa, edición elaborada polo seu fillo Xosé María.
1995 Sae Sonetos del alba insomne, tamén a iniciativa de Xosé María Álvarez Cáccamo. O libro fora escrito entre 1955 e 1965.
2007 A Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras 2008.
2008 Ano de Xosé María Álvarez Blázquez.
Fachada actual da casa natal, no Paseo da Corredoira de Tui
Xosé María Álvarez Blázquez, en 1932
Coa súa dona, María Luísa Cáccamo, e a filla Colorín (1950)
En Frómista (Palencia) en 1977
* As fotografías anteriores e boa parte das contidas nesta web corresponden ao arquivo familiar e foron cedidas por Celso Álvarez Cáccamo.