| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

O editor

Contra a metade do século XX comezan a abrollar as primeiras iniciativas editoriais a prol da cultura galega, labor no que Xosé María Álvarez Blázquez ten un protagonismo crucial.

No ano 50, data clave do rexurdir cultural da posguerra ao fundarse tamén Galaxia, bota a andar Edicións Monterrey, que acollerá desde o célebre Cancioeiro de Monfero, aquela brincadeira coa que conseguiu enganar especialistas ao facelo pasar por composicións da lírica medieval, até a obra dun autor novo que inicia o camiño de renovación que supuxo a Nova Narrativa, Gonzalo R. Mourullo.

Pero serían a experiencia de Castrelos, nomeadamente a colección "O Moucho", a que fixo que o de editor sexa seguramente o traballo polo que é lembrado fundamentalmente Álvarez Blázquez, ao ser esta unha experiencia adiantada ao tempo dos libros de peto e que contou cunha difusión e cun sistema de distribución inédita na nosa historia editorial que fixo posíbel a popularización da obra de autores fundacionais como Pondal ou Rosalía.

A finais de 1979, Álvarez Blázquez vende Edicións Castrelos a Galaxia, que tras un período breve de transición acaba integrando os fondos de Castrelos no seu selo editorial.

Foron moitos os lectores que se achegaron por primeira vez á literatura galega grazas ás edicións de Castrelos, que acada altos índices de venda. Xosé María Álvarez Blázquez aposta pola edición e a divulgación de libros en galego, revolucionando o ámbito editorial e as canles de distribución libreira. A súa sabedoría e o seu éxito neste eido son indiscutíbeis e o seu labor sitúase así ao carón dos nomes de Martínez Salazar coa súa imprenta ou de Ánxel Casal á fronte de Nós na historia editorial da Galiza doutrora.

Na compaña de Celso Emilio Ferreiro (anos 60)




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal