| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

A Galiza de Álvarez Blázquez

A Galiza á que chega Xosé María Álvarez Blázquez en 1915 é un país inquedo. Desde frontes diversas emerxen iniciativas anoadas a un desexo común: o traballo a prol do desenvolvemento de Galiza. Ao ano seguinte do seu nacemento xorden as Irmandades de Fala, que implican o paso do rexionalismo ao nacionalismo. As Irmandades presentan un programa innovador e ambicioso no que destaca a reivindicación do autogoberno e da cooficialidade do galego.

En 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos coa finalidade de analizar e divulgar todas as manifestacións da cultura galega, así como atender a formación de investigadores. Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey e Ramón Otero Pedrayo son algúns dos principais estudosos da institución, que ofrece os seus mellores froitos nos primeiros anos da II República. Nesta época esperanzadora, Álvarez Blázquez comeza os estudos de Maxisterio en Pontevedra e entra en contacto con figuras senlleiras do Partido Galeguista —nado en 1931 da confluencia das Irmandades— como Alexandre Bóveda e Xoán Vidal. En 1933 comeza a militar nas Mocidades Galeguistas, organización na que prepara o acto do 88º aniversario dos mártires de Carral e pronuncia o seu primeiro discurso "Berro en lembranza dos herois de Carral". Ao comezo de 1936 entra no Partido Galeguista.

Noite de pedra

O golpe militar de xullo de 1936 trunca no só a consolidación dos proxectos políticos, sociais e culturais iniciados nos anos anteriores, senón tamén a vida dos precursores e a de moitos animadores destas iniciativas. Morte, represión e exilio son as consecuencias inmediatas da guerra civil. Xosé María Álvarez Blázquez sofre moi de preto a crueldade fascista: en agosto de 1936 asasinan en Pontevedra o seu amigo Alexandre Bóveda e pouco despois, en outubro, o seu pai Darío Álvarez Limeses é fusilado en Tui. Duros acontecementos aos que seguen unha persecución que afecta a case toda a estirpe: a praza de mestre nunha escola viguesa gañada por Álvarez Blázquez en 1936 é trocada por outra en Coreses (Zamora) debido á súa "militancia en organizacións afectas á República, Nacionalismo-Separatismo e actitudes contrarias á Causa Nacional"; a súa familia vese obrigada a trasladarse a Vigo fuxindo do ambiente represor que os oprimía en Tui. A guerra civil deixa en Álvarez Blázquez fondas feridas e un odio férreo ao franquismo, que acubilla no seu peito durante toda a vida.

Na dura posguerra xorden pequenos grupos que, ante a imposibilidade legal doutras accións, preparan a reconstrución cultural do país. A esta tarefa contribuirá Álvarez Blázquez, quen, farto do desterro en Castela, reclama en 1942 a excedencia voluntaria e regresa a Vigo cos seus. O escritor mantén unha relación constante con intelectuais galeguistas e antifranquistas como Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego, núcleo do que aboian notábeis proxectos.

A recuperación

A finais da década dos corenta emerxen os primeiros obradoiros editoriais: á Colección Benito Soto e a Galaxia, Álvarez Blázquez engade as editoriais Monterrey e Castrelos. Asemade, recuperando o espírito do Seminario de Estudos Galegos e sumándose ao traballo doutros galeguistas, comeza a súa xeira investigadora e retoma a súa actividade creadora.

En 1964, o ano no que a Real Academia Galega enxalza a Castelao tras a primeira homenaxe a Rosalía de Castro, Álvarez Blázquez le o seu discurso de ingreso na institución.

Ao labor feito en Galicia na posguerra hai que sumar a tarefa que emigrados e exiliados realizan alén mar, onde traballan pola institucionalización da cultura e da lingua galegas. Convidado polo Centro Galego de Bos Aires para impartir varias conferencias, en 1969 Álvarez Blázquez viaxa a Latinoamérica, onde se reencontra con familiares e amigos.

En 1975, a familia de Álvarez Blázquez festexa a morte do ditador, celebración na que se mestura a dor polos familiares perdidos e a esperanza nun tempo novo. A restauración da democracia permite a presentación pública dos partidos políticos forxados na clandestinidade dunha cruel ditadura. Fiel á liña política de Bóveda e Castelao, Álvarez Blázquez apoia o reconstituído Partido Galeguista nas primeiras eleccións autonómicas de 1981. Pouco despois contempla a disolución deste partido e afástase das angueiras políticas.

Nos seus últimos anos, Xosé María Álvarez Blázquez ve como xermolan as sementes que plantara e estercara, pero ficaban sen realizar outras arelas: "Había tanto que facer!", afirma en 1976. Sen dúbida, el fixo moito e cumpriu con xenerosidade coa cultura galega.

Ao fondo, a casa de verán en Coruxo (Vigo, anos 40)

Pronunciando un discurso, en 1960.

Con Xosé Mª Dobarro, Pilar García Negro e Luís Cambeiro (A Coruña, 1983)




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal