O inmenso conxunto de investigacións literarias e arqueolóxicas de Xosé María Álvarez Blázquez é froito dun esforzo ímprobo e dunha curiosidade ilimitada. O polígrafo escritor espalla o seu saber e as súas pescudas en libros, xornais e revistas especializadas (esencialmente Cuadernos de Estudios Gallegos e Grial) e asiste con frecuencia a congresos literarios, arqueolóxicos e etnográficos.
Entres os múltiples estudos literarios elaborados polo autor, hai que destacar dúas achegas imprescindíbeis: a Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346) e a Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830), editadas por Galaxia en 1952 e 1959, respectivamente. A Escolma de poesía galega III. O século XIX (1957) e a Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos (1955) de Francisco Fernández del Riego completan este ambicioso proxecto publicado pola editorial viguesa.
Na Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa, Álvarez Blázquez reúne poemas dun gran número de trobadores medievais acompañados de breves anotacións biográficas e lúcidos apuntamentos críticos. En 1975 publica na súa editorial Castrelos unha versión revisada e ampliada desta antoloxía: Escolma da poesía medieval (1198-1354).
A esta frutífera etapa da lírica galega Álvarez Blázquez dedica moitas páxinas cheas de sabedoría e perspicacia, entre as que é preciso salientar o estudo Martín Códax. Cantor del mar de Vigo (1962), obra pola que recibe o premio Álvarez García de 1958, convocado pola Asociación da Prensa de Vigo.
A Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX consta de cinco apartados: "Os derradeiros trovadores (1354-1491)", "Cantigas paralelísticas e vilancetes anónimos (séculos XV e XVI)", "Os vilancicos de Nadal e Reis (séculos XVII a XX)", "Poesía anónima de circunstanzas (séculos XV a XIX)" e "Os poetas académicos (séculos XVI a XIX)". A maioría dos textos pertencentes aos denominados Séculos Escuros son descubertos por Álvarez Blázquez, a quen tamén lle corresponde o mérito de difundir outros de difícil acceso. Agudos comentarios acompañan os textos escolmados. A busca e a sistematización de textos literarios deste amplo período temporal —que Álvarez Blázquez denomina "as fontes"— é unha tarefa constante ao longo da súa vida.
Sobranceiras son as descubertas da Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz, e dun poema burlesco de Aurelio Aguirre. En 1960 edita "Datos para la biografía del poeta Añón". No ámbito da literatura galega do século XX, pódese destacar o estudo Luís Amado Carballo. Vida e obra. Escolma de textos (1982).
A literatura tradicional, a parameoloxía ou a toponimia galegas tamén lles deben moito ao incansábel estudoso. Busca, compila e analiza cantigas populares, refráns e topónimos que divulga a través das súas editoriais (Cantigas do viño, Os nomes da terra, etc.). Del son, asemade, a maioría das edicións das obras publicadas en Monterrey e Castrelos e el adoita tamén escribir os prólogos e notas que secundan os textos.
Os achados
A arqueoloxía constitúe outro dos ámbitos ao que Álvarez Blázquez, nomeado en 1949 Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo, dedica un intenso traballo fornecendo con importantes achados a historiografía galega. Seguindo os vieiros de arqueólogos vocacionais como Florentino López Cuevillas ou Fermín Bouza-Brey -con este último colabora en varias escavacións e artigos-, Álvarez Blázquez esculca, descobre e salva en diferentes espazos, localizados fundamentalmente no sur da provincia de Pontevedra, aras, estelas e outros obxectos de valor do pasado remoto galego, que son albergadas no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.
O notábel conxunto de pezas achegadas por Álvarez Blázquez leva a Darío Xohán Cabana a afirmar que a sección arqueolóxica deste museo "é obra esencialmente súa, do seu traballo e do seu xenio". Entre as publicacións deste eido pódese destacar a obra Vigo arqueolóxico (1980), escrita con dous colaboradores: Fernando Javier Costas Goberna e Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro. En 1981 é nomeado Xefe do Departamento de Historia do Museo Quiñones de León.
A literatura e a historia galegas enriquecéronse notabelmente coas senlleiras esculcas literarias e arqueolóxicas de Xosé María Álvarez Blázquez, home sempre á espreita do texto inédito e da peza curiosa para doar á Terra, "o fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte", segundo declara no limiar de Canle segredo (1976).
Con Pedro Díaz Álvarez, observando un achado (O Hío, 1962)
Excursión educativa sobre prehistoria (anos 70)