No ano 1950, como evolución da libraría do mesmo nome que fundara dous anos antes co mestre Luís Viñas Cortegoso, nace Edicións Monterrey, que dá os seus primeiros froitos canda a colección Benito Soto e a editorial Galaxia, da que el tamén era socio fundador. De fasquía extremadamente bela e coidada derivada da condición de bibliófilo do seu creador, Edicións Monterrey contaba con diferentes coleccións: "Beatus Jacobus", "Leixado do vento" e "Frol e froito".
Na luxosa "Beatus Jacobus", destinada á edición de libros raros e inéditos relativos a Galicia, publícase El buho gallego (1951) —obra atribuída por Álvarez Blázquez a Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos—, Vida y viajes literarios (1952) de Frei Martín Sarmiento ou Santo da barba dourada (1953) de Martín Torrado. Concibida exclusivamente para a edición de libros en galego, "Leixado do vento" publica títulos significativos da literatura galega como o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño (1953) de Gabriel Feixóo de Araúxo, Isa folla que vai polo río (1954) de Augusto Casas, O desengano do prioiro (1962) de Ramón Otero Pedrayo e a reedición da Cantiga nova que se chama riveira (1957) de Álvaro Cunqueiro.
Roseira do teu mencer (1950), o Cancioeiro de Monfero (1953) e o Romance do pescador peleriño (1954), obras de Álvarez Blázquez, tamén ven a luz no seo de Edicións Monterrey. Asemade, el é o responsábel da edición de Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz e do Cancioneiriño da Virxe, publicadas en 1951 e 1954 respectivamente. Andrómenas. Contos pra o pobo (1953) de Ben-Cho-Shey, pseudónimo de Xosé Ramón Fernández-Oxea, inaugura "Frol e froito", colección na que posteriormente aparecen dous títulos emblemáticos que marcan o inicio da Nova Narrativa Galega: Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956) de Gonzalo R. Mourullo.
Fóra destas coleccións, Edicións Monterrey publica Teatro venatorio y coquinario gallego (1958) de José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro e Galería de gallegos ilustres (1956) e La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (1960), da pluma polivalente de Xosé María Álvarez Blázquez.