Os seus primeiros poemas en galego aparecen na revista Cristal (1932-1933), fundada polo propio escritor e Xoán Vidal Martínez. "O merlo poeta", "Inmensidade" e o "Romance do afiador" son, pois, os seus primeiros testemuños poéticos en lingua galega. Dous destes poemas inclúense con posterioridade en Poemas de ti e de min.
En 1949, a pioneira colección Benito Soto publica Poemas de ti e de min, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez. Cada autor compón unha parte do libro, de xeito que este alberga dúas obras independentes, impresas de forma conxunta. Álvarez Blázquez mestura neste poemario as tendencias estéticas dominantes na súa época: imaxinismo, popularismo e neotrobadorismo caracterizan os poemas, que, a miúdo, translocen a propia experiencia existencial do poeta. Neste senso, pódese salientar o poema "Desterro", que reflicte a dor do exilio imposto na vila zamorana de Coreses.
Á calidade poética que emerxe dos versos de Poemas de ti e de min hai que engadir o mérito de ser o terceiro libro publicado en galego despois da guerra civil, tras Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño e Camiños no tempo (1949) de Ramón Cabanillas.
Acompañado de fermosas ilustracións de Xohán Ledo, Roseira do teu mencer sae do prelo de Edicións Monterrey en 1950, constituíndo o segundo poemario do autor. Unha profunda emoción atravesa o libro que Álvarez Blázquez dedica á súa primeira filla, María Luísa, Colorín: "á miña nena, agora que aínda ten a figura pequena". Concibida baixo os parámetros da poesía infantil con emprego de repeticións abondo, paralelismos, retrousos ou rimas moi marcadas e influída tamén por vetas popularistas e imaxinistas, Roseira do teu mencer transmite con naturalidade o amor pola filla e o gozo da paternidade. Entre os poemas delicados que conforman a obra, pódese subliñar a tenrura de tres cantigas de berce ("se non te durmes, vén a donicela / que todo o sono dos nenos arela") que pechan Roseira do teu mencer, "un libro que —segundo Darío Xohán Cabana— abonda para facer un gran poeta".
A editorial Monterrey publica en 1953 o Cancioeiro de Monfero (Século XIII), célebre divertimento de grande erudición. No singular prólogo da obra, Álvarez Blázquez apunta que atopou un manuscrito do século XVII que alberga un total de vintenove cantigas medievais, das cales ofrece oito aos lectores como agasallo de Nadal, época na que sae do prelo: enxeñosa brincadeira que aclara días despois. En efecto, os textos do Cancioeiro de Monfero son da súa pluma erudita e intelixente, capaz de escribir cantigas de amigo, amor e escarnio ao modo medieval. Fiel aos trazos da poesía medieval, especialmente á estrutura e á linguaxe que tan ben coñece, Álvarez Blázquez compón oito cantigas dignas dos trobadores máis avezados.
O Romance do pescador peleriño, publicado en follas soltas por Monterrey no ano 1954, nace co gallo da "Peregrinación Nacional de Pescadores" a Compostela. O poeta aproveita o acaído molde do romance para trasladar unha trama sinxela: fortes refachos de vento sorprenden faenando a un experimentando mariñeiro, que se encomenda ao apóstolo Santiago prometendo peregrinar a Compostela, feito que, tras unha ampla elipse, cerra o poema. Trátase dun poema de circunstancias, no que Álvarez Blázquez non abandona o lirismo e o imaxinismo que caracterizan as súas propostas literarias.
O seu irmán Emilio Álvarez Blázquez, coautor dos Poemas de ti e de min (1949)
Edición actual do libro inspirado en Colorín (Xerais, 2008)