| 17 de maio

Día das Letras Galegas. Xosé María Álvarez Blázquez 2008

Xosé María Álvarez Blázquez


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte

Prosa en galego

Os ruíns, A pega rabilonga e outras historias de tesouros e o relato "O afillado", publicado individualmente, conforman a contribución de Xosé María Álvarez Blázquez á narrativa galega. Baixo o título Os ruíns agrupa cinco relatos breves, que se publican no último volume da revista Nós (números 139-144) correspondente ao segundo semestre do ano 1935, aínda que editada con certo atraso no malfadado ano de 1936 e non distribuída con normalidade debido ao golpe militar.

A barbarie que acompaña ao levantamento militar contra a República implica non só o peche da Editorial Nós e a destrución do seu material, senón tamén o fusilamento cruel do seu editor, Ánxel Casal. Milagrosamente salvouse algún exemplar do derradeiro volume da revista, que a editorial Galaxia facilitou en edición facsimilar. Xosé María Álvarez Blázquez publica o relato "O afillado" na obra Pontevedra, boa vila (1947), volume que acubilla textos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas, entre outros. En 1971 sae do obradoiro da editorial Castrelos -concretamente, na colección "O Moucho"- A pega rabilonga e outras historias de tesouros, un novo conxunto de cinco relatos cinguidos, como sinala o título, pola procura ou a custodia dun tesouro.

A narrativa de Álvarez Blázquez, de fasquía clásica con influencias evidentes de Castelao e Otero Pedrayo, mostra un gran compromiso cos humildes e desfavorecidos, case sempre protagonistas dos seus textos. Un berro rexo aos poderosos e unha presenza enérxica da natureza e dos animais, adoito erixidos como personaxes secundarios. En canto á técnica dos relatos, destacan a pericia descritiva, a autenticidade dos diálogos, a sutil ironía e as delicadas pegadas líricas. No relato "O afillado", n’Os ruíns e n’A pega rabilonga, Álvarez Blázquez fía con grande eficacia e imaxinación tramas sinxelas e fermosas, que fornecen unha agradábel lectura.

Co título A pega rabilonga. Os ruíns (2008) a editorial Galaxia reedita felizmente toda a obra narrativa en galego de Xosé María Álvarez Blázquez, achegando aos lectores a prosa dun escritor a quen outras angueiras lle impediron aumentar o corpus narrativo na nosa lingua.

O xénero biográfico

Xosé María Álvarez Blázquez tamén practica a biografía. En 1982 publica Alexandro Bóveda. Apunte biográfico, un dorido e emotivo relato vital do líder nacionalista. Unha desaparecida entidade bancaria encarga ao escritor unha biografía de Bóveda para a colección "Hombres que hicieron Galicia", que distribuía gratuitamente; porén, a obra de Álvarez Blázquez é secuestrada polo propio banco nunha acción enfermiza de censura, propia do franquismo.

En 1992, a editorial Ir indo reedita a obra nun acto de xustiza co autor e con Alexandre Bóveda. Como testemuña privilexiada, Álvarez Blázquez relata a vida do amigo e do político nacionalista fusilado polos fascistas. Alexandro Bóveda. Apunte biográfico móstrase, pois, precursora na recuperación e na reivindicación da memoria histórica. Darío Xohán Cabana recomenda afervoadamente a súa lectura, "necesaria non só para termos unha idea cabal da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, senón tamén para decatármonos de toda a ira e todo o odio —toda a carraxe refreada, escribía o propio autor nunha dedicatoria deste libro— que os vencidos da Guerra Civil albergaron como unha espiña envelenada no corazón durante toda a súa vida."

Edición da prosa galega en Galaxia (2008)




© Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte

Accesibilidade | Aviso legal