Por Canle segredo Álvarez Blázquez recibe o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1954; porén, este poemario non se publica até o ano 1976 na colección "Pico Sagro" da editorial Castrelos. A adiada publicación da obra supón a perda do seu natural contexto literario e, en consecuencia, o esvaecemento da súa xusta valoración no decorrer da historia da literatura galega. As propostas anovadoras amosadas na obra entroncan coa pulsión dos libros de Celso Emilio Ferreiro e outros poetas que mostran na inmediata posguerra un claro compromiso con Galiza.
A obra estrutúrase en tres seccións: "Canle segredo", "Camiños de sol" e "As mágoas". Na primeira predomina unha temática esencialmente amorosa: a paixón, o erotismo, a complicidade ou o desexo dunha unión permanente son algúns dos motivos recorrentes: "E direiche en segredo / un poema sin voz. / Ise poema noso, pechado como un soño, / que ven connosco arreo, / máis aló do non ser". A segunda parte, "Camiños de sol", plasma unha nostalxia fonda polo mundo da nenez. O poeta chora a diminución do feitizo da fusión coa natureza e a perda dun contorno paradisíaco: "Aquil andar decote pola vida / sen ter os pés no mundo, coma os ventos / que nascían nas fragas de Sovilas / e viñan bater no lombo de Lantaño".
A intención cívica que paira nos versos de "Canle segredo" e "Camiños de sol", agroma con forza na última sección, "As mágoas", onde o poeta amosa a súa carraxe contra as inxustizas, a súa preocupación social e o seu compromiso ético perenne: "Lle falaría / daquelas duras mans, rexas gadoupas / pra termar do legón e da manceira, / mans de escrava da terra" ou "Non hai paxaros ceibos, / homes ceibos na loita e nas ideas, / nin camiños de volta, / nin cousa inxel e leda. / Só hai sombras, ventos mortos, denosiñas, / lagartos e morcegos. Só tristeza".
Intimismo, denuncia social e compromiso cívico conforman as liñas dominantes de Canle segredo, unha obra na que fica, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, "toda unha vida".
Outros poemas
A obra poética de Álvarez Blázquez complétase cun folgado conxunto de poemas esparexidos en diversas publicacións ou inéditos, que as dúas edicións da súa Poesía galega completa, elaboradas en 1987 por Xosé María Álvarez Cáccamo e vinte anos despois por Xavier Rodríguez Baixeras, tratan de compilar e de restituír á literatura galega. Entre este abano variado de textos de épocas e temáticas diversas figuran un conxunto de poemas dedicados a outros insignes escritores como Manuel Antonio, Ramón Cabanillas ou Ramón Otero Pedrayo.
Pódense destacar tamén os poemas "IIª Visión" e "O encoro", cos que Álvarez Blázquez parece sumarse á común protesta contra o asolagamento de Castrelo de Miño, que, ao mesmo tempo, constitúe un modo de denuncia do réxime franquista: "Hai que rubir, sen máis, caia quen caia. / Abaixo sóio están os alpabardas, / os cativos, pacíficos, sinxelos / que din amigo, amor, amante, amodo, / sen se pasaren da primeira letra".
As edicións de Álvarez Cáccamo e de Rodríguez Baixeras recollen e aumentan tamén o número dos inéditos "Epigramas" de Pepe do Rollo (heterónimo do autor), textos burlescos que Álvarez Blázquez compón con intención humorística. E hai que salientar, finalmente, o conmovedor poema titulado "Solpor", que Xosé María Álvarez Blázquez escribe en 1982 a modo de despedida: "Nin verso airado nin aceda queixa. / De que nos han valere, miña amiga! / Imos desengrellando esta madeixa, / con lástima de nós e con fadiga".
Portada da primeira edición (1976)
A Poesía galega completa editada por Galaxia en 2008 e a Escolma de familia (Xerais, 2000), que reúne poemas de oito membros da familia Álvarez.