Dedicar o presente ano á memoria de Xosé María Álvarez Blázquez equivale a honrar o traballo e a memoria dunha das personalidades máis fecundas e polifacéticas do noso século XX. Mais non só iso: as Letras Galegas 2008 deben interpretarse tamén como unha homenaxe a toda unha saga de literatos. Vehículo dunha sorte de imperativo biolóxico, o apelido Álvarez é marca distintiva de toda unha tradición literaria abeirada no compromiso con Galicia. Unha tradición que parte do século XIX e xa abrangue -polo de agora- catro xeracións de escritores.
Emilio Álvarez Giménez (Puebla de Sanabria, 1830 – Pontevedra, 1911) é o primeiro elo desa saga. El introduciu na familia o oficio de poeta e, ao tempo, o compromiso coa lingua e a cultura galegas. Chegado a Pontevedra aos 27 anos para exercer a docencia, Emilio conecta de contado coa corrente cultural do Rexurdimento. A maior parte da súa contribución xornalística, ensaística e literaria está escrita en castelán, pero ocupouse con teimosía dos temas do galeguismo e da historia de Galicia. De feito, tamén é autor do drama histórico en galego titulado Mari Castaña. Unha revolta popular, escrito en verso.
"Antre dous séculos"
O primeiro libro de poesía publicado por un Álvarez foi cousa do fillo de Emilio, Xerardo Álvarez Limeses (Pontevedra, 1871 - 1940), quen en 1892 leva ao prelo a obra en castelán Margaritas. O compromiso coa cultura galega que iniciara o seu pai farase aínda máis intenso en Xerardo, que será membro da Sección de Historia do Seminario de Estudos Galegos, socio correspondente da Academia Galega, co-fundador do Museo de Pontevedra e militante do Partido Galeguista. O título do seu libro serodio de poesía galega, Antre dous séculos (1934), escolleuno Xosé Luís Méndez Ferrín para bautizar a xeración poética da que Xerardo formou parte.
O irmán menor de Xerardo, Darío Álvarez Limeses (Pontevedra, 1877 – Tui, 1936), foi médico en Tui e alí levou a cabo un destacado labor xornalístico. Foi redactor xefe do xornal La Integridad e fundou o semanario La Opinión. Membro da Esquerda Republicana e integrante referencial da resistencia tudense ao inicio da guerra, a traxedia da súa morte por fusilamento o 30 de outubro de 1936 constitúe un feito crucial que marcará a vida, a traxectoria e o pensamento dos sucesivos membros da estirpe.
A terceira xeración
Con María Blázquez Ballester, cubana de Matanzas e filla de familia colonial, o doutor Álvarez Limeses tivo seis fillos varóns: Darío, Celso, Xosé María, Alfonso, Emilio e Álvaro.
Emilio Álvarez Blázquez (Tui, 1919 – Vigo, 1988), que traballou como chanceler do consulado de Uruguai en Vigo, tamén foi membro correspondente da Academia Galega e dirixiu, con Celso Emilio e Fernández del Riego, a colección "Salnés" de Galaxia. Deixou tres libros de poemas: Poemas de ti e de min -obra a dúas plumas que asinou con Xosé María-, Romance del peón caminero e O tempo desancorado. Destaca especialmente este último, que permaneceu inédito case até a súa morte: a devoción que Emilio sentía pola súa nai deu como froito un libro de intensa emoción lírica.
A terceira xeración da dinastía inclúe tamén o nome de Emilio Álvarez Negreira (Pontevedra, 1926 - 2002), poeta e xornalista e curmán dos anteriores. O seu primeiro libro, Madrigal (1949), apareceu en Benito Soto, colección que el mesmo dirixiu en colaboración con Celso Emilio e Sabino Torres. A maior parte da súa obra escribiuna en castelán, pero deixou unha cantidade importante de poemas en galego. E hai máis escritores: o xornalista Xerardo Álvarez Gallego, outro curmán dos Álvarez Blázquez e cuñado de Alexandre Bóveda, que é autor da primeira biografía do líder nacionalista; e tamén os fillos de Darío Álvarez Blázquez: Darío e Alfonso Álvarez Gándara, novelista un e xornalista de opinión o outro.
O último elo
Dos seis fillos que tiveron Xosé María Álvarez Blázquez e María Luísa Cáccamo Frieben, tres compoñen a cuarta xeración de escritores: Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo. O primeiro e maior dos tres pasa por ser unha das grandes referencias da poesía galega contemporánea: Vento de sal (Galaxia, 2008) é o máis recente libro de poemas dunha longa lista de obras, publicadas desde os primeiros anos oitenta, entre as que hai tamén narrativa e ensaio; Alfonso é principalmente narrador e leva publicados un feixe de novelas e libros de relatos; por último, Celso ten obra de investigación no campo da filoloxía e é autor do poemario Os distantes (Espiral Maior, 1995). Os tres irmáns produciron libros dedicados á divulgación da vida e da obra do seu pai, algúns dos cales saíron do prelo co gallo do Ano de Xosé María Álvarez Blázquez.
Malia as grandes diferenzas existentes entre uns e outros, os membros das catro xeracións que compoñen até a data esta xenealoxía literaria comparten algo máis ca un apelido. Na antoloxía titulada Escolma de familia. Cen anos de poesía, que editou Xerais en 2000 e reúne composicións de oito poetas da familia, Xavier Rodríguez Baixeras apunta no limiar a aquilo que os une: é o espírito de solidariedade, a presenza do mundo familiar, o sentido do humor e "unha xeral predisposición conxénita para a música do verso, transmitida sen dúbida, como é ben patente, de xeración en xeración."
Darío Álvarez Limeses, María Blázquez e fillos: Celso, Darío, Álvaro, Xosé María (de pé), Alfonso e Emilio (Tui, 1929)
Emilio Álvarez Giménez
Xosé Mª Álvarez Blázquez e Xosé Mª Álvarez Cáccamo (1982)